Sunday 05 de May de 2024

Máis de 80 mozos e mozas asistiron ao encontro de participantes no programa Correspondentes Xuvenís 3.0 da Dirección Xeral de Xuventude


Trátase dunha iniciativa de educación non formal que fomenta a participación xuvenil, e transmite valores como a solidariedade, o liderado e habilidades comunicativas e sociais

O albergue de Gandarío acolleu esta fin de semana un encontro de participantes no programa Correspondentes Xuvenís 3.0, iniciativa da Consellería de Política Social para crear unha rede de mozos e mozas que de maneira voluntaria se encargan de informar aos seus compañeiros de aula, amizades e coñecidos sobre convocatorias, recursos e programas xuvenís que poidan ser do seu interese. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, visitou esta mañá aos 88 mozos e mozas de 22 centros educativos, con idades comprendidas entre os 14 e os 20 anos, que participan dende a xornada de onte nesta convivencia que rematará mañá domingo.
Cecilia Vázquez agradeceu o seu traballo voluntario e resaltou que “a dinamización da información dentro do sistema educativo está considerada un eixo fundamental para ter redes de información xuvenil verdadeiramente operativas”. A directora xeral tamén lembrou que “esta é unha iniciativa de educación non formal que fomenta a participación xuvenil, ao tempo que o correspondente adquire valores como a solidariedade, o liderado e habilidades comunicativas e sociais”.
Durante esta fin de semana alumnado de segundo ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos formativos de centros educativos de toda Galicia conviven no algergue de Gandarío neste encontro en que se combinan aspectos lúdicos con formativos. Así, os participantes realizan dinámicas de grupo para coñecer as valoracións que fan os distintos “correspondentes” da súa acción voluntaria como “antenas” de información xuvenil dos seus respectivos centros educativos; e se lles proporcionan ferramentas para mellorar a súa labor neste campo. Así mesmo, os mozos e mozas gozarán das actividades de multiaventura e de mar se o tempo o posibilita.
O programa Correspondentes Xuvenís 3.0 pretende contar cunha antena informativa en cada centro educativo, que se responsabilice de recoller a información en materia de xuventude enviada dende a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil da súa localidade para difundila entre o alumnado do centro. Para iso conta con apoio do persoal do centro coordinador de información xuvenil e co profesorado participante no programa. Neste curso escolar que agora remata, participaron como correspondentes 483 alumnos de 83 centros educativos.
Estes correspondentes reciben gratuitamente formación en materia de información xuvenil, así como o carné xove, o carné internacional e o carné de alberguista durante o ano escolar no que están como correspondentes. Ademais, teñen preferencia nalgúns dos programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; e recoñéceselles, mediante un certificado expedido pola administración autonómica, o tempo dedicado ás actividades como persoas voluntarias.